A ximnasia: un oasis no deporte feminino ou unha mostra máis do que queda por facer?

A tenor dos datos, a ximnasia puidera parecer un oasis de igualdade no deporte: ten a maior porcentaxe de licenzas femininas de todas as federacións nacionais, o maior número de técnicas, a maior porcentaxe de mulleres dirixindo clubs e, aínda que a presidencia da Real Federación Española está en mans dun home, os seus órganos de goberno dipoñen dunha paridade envidiable noutros eidos.

Pero se analizamos os datos de xeito máis profundo veremos, tristemente, que hai moita problemática a resolver. A ximnasia, a pesares de ser un deporte en franco crecemento, tanto en practicantes como en espectadores e espectadoras (en directo e retransmitido), e pese a ser un dos deportes que no noso país conta con eventos deportivos masivos que teñen un impacto económico importantísimo nas cidades-sede, segue a ser un dos deportes menos presente nos medios de comunicación.

Por outra parte o feito de que a ximnasia rítmica sexa un dos dous únicos deportes olímpicos aos que non se lle recoñece modalidade masculina, xunto coa natación artística, crea arredor destas especialidades deportivas unha aureola de “deporte de mulleres”, polo visto nada beneficioso para a igualdade e por suposto nada beneficioso para as mulleres que os practican.

Resulta moi curioso que cando se fala de igualdade no deporte como valor de empoderamento feminino, nunca, ou case nunca, se fala de ximnasia, senón de deportes máis maioritariamente masculinos, como fútbol, baloncesto etc. Como se o feito de tratarse dun deporte máis practicado por mulleres que por homes e con máis tradición de práctica feminina, lle restase importancia como deporte feminino, o que de novo volve resultar un maltrato contra as mulleres no eido deportivo: ximnastas, adestradoras, xuizas, directivas, etc.

A precocidade deste deporte a nivel nacional fai que a invisibilidade sexa aínda maior. Non se inviste o suficiente por parte das institucións públicas para mellorar as condicións de adestramento. E iso da lugar, entre outras causas, a un abandono precoz deste deporte por parte das mulleres. Sen entrar no debate da falta de investimento e coidado por parte dos poderes públicos cara ao deporte base, neste caso común a deporte feminino e masculino.

«Todo o deporte practicado por mulleres, sexa cal sexa a súa idade e tradición, é feminino, se desenvolva ou non nun mundo masculino e require o mesmo grado de esforzo mantelo vivo e mostralo á sociedade». Defender o deporte feminino só nas modalidades tradicionalmente masculinas non deixa de ser un micromachismo e volve poñer o foco na masculinidade que segue imperando na nosa sociedade.

Dende o noso club reinvindicamos a igualdade, o traballo en prol do deporte feminino, sen esquecer o dereito que os homes teñen de practicar as especialidades que algúns pretenden “relegar (dito isto con toda a carga negativa que supón) á categoría exclusivamente feminina”.

Taballamos tamén en prol da profesionalización da labor das adestradoras,con todos os beneficios que para o ensino do deporte ten o aproveitamento das habilidades adquiridas polas nosas deportistas ao longo da súa vida deportiva, para que, acompañadas da formación necesaria, poidan facer da ximnasia un modo de vida, se é o seu desexo. E, por certo, de novo volvemos atoparnos coa gran diferencia que existe entre sexos en canto a esta profesionalización da figura de “adestrador/adestradora”. Creo que todas e todos podemos ter unha idea de cal é a porcentaxe de mulleres adestradoras que poden facer do deporte a súa profesion en relación cos homes.

Concluimos por tanto que a ximnasia é unha mostra máis do que queda por facer e reivindicamos o dereito que nos corresponde como parte do deporte feminino.

Carmen Blanco González

Club Ximnasia Pavillón Ourense

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad