CAMPIONATO GALEGO BASE DE CONXUNTOS E CONTROL DA III FASE DA COPA DE ESPAÑA (OURENSE — 17 DE OUTUBRO)

Competir na casa sempre se vive dun xeito especial. Nesta ocasión, os clubs Pavillón participaron no Campionato Galego Base de Conxuntos e no Control da III Fase da Copa de España con sete conxuntos e un total de 41 deportistas ourensás. Ademais de saír á pista, fomos anfitrións e coorganizadores desta cita xunto coa Federación Galega de Ximnasia.

Foi unha xornada na que puidemos ver o traballo dos últimos meses e compartir coas familias a ilusión de seguir avanzando nesta recta final da tempada.

CONTROL DA III FASE DA COPA DE ESPAÑA

No nivel élite participaron os nosos tres conxuntos. O sénior mixto e o sénior feminino conseguiron a clasificación para a III Fase da Copa de España, que se celebrará en novembro en Cartagena, Murcia. Pola súa parte, o conxunto júnior rematou na cuarta posición.

Os tres equipos amosaron unha evolución nos seus exercicios e continúan preparando a seguinte cita: o Campionato Nacional de decembro, aínda coa sede pendente de confirmación.

CAMPIONATO GALEGO BASE DE CONXUNTOS

Na competición base estivemos representados por catro conxuntos e celebramos dúas medallas de bronce.

O conxunto M do Club Ximnasia Pavillón Ourense, formado por Cristina, Andrea, Emma, Leire e Rebeca, subiu ao terceiro chanzo do podio. Tamén conseguiu o bronce o conxunto infantil do mesmo club, integrado por Martina, Area, Alicia, Mara, Valeria R. e Valeria V.

O conxunto da Escola Pavillón acadou a cuarta posición, moi preto do podio, mentres que o conxunto P do Club Ximnasia Pavillón Ourense finalizou sexto.

Os catro conxuntos conseguiron a clasificación para o Campionato Nacional Base de novembro en Cartagena, onde pecharán a súa tempada.

Desde os clubs queremos felicitar a todas as ximnastas e ás súas adestradoras polo traballo que están a facer. Ver 41 deportistas compartindo este camiño é unha alegría para quen formamos parte do Pavillón.

Grazas tamén ás familias polo apoio nos adestramentos, nas viaxes e nas competicións. Agora toca seguir preparando os próximos encontros, coa ilusión de gozar xuntas de cada saída á pista.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad