O domingo foi unha das xornadas máis intensas da tempada para o Club Ximnasia Pavillón, coa celebración simultánea do Campionato Galego de Prebase de Ximnasia Rítmica e do Campionato Galego Elite e Escolar de Ximnasia Estética de Grupo.
Ao longo de toda a xornada, as nosas ximnastas foron alternando actuacións en ambas competicións, demostrando unha vez máis o gran traballo realizado durante a tempada e deixando momentos para o recordo.
No Campionato Galego de Prebase de Ximnasia Rítmica participaron os conxuntos infantil e alevín. As infantís completaron un exercicio con boas sensacións, aínda que varios erros penalizaron a súa nota final e tiveron que conformarse coa oitava posición. Pola súa banda, o conxunto alevín realizou un gran pase durante gran parte do exercicio, pero dous fallos nos últimos compases afastárono das posicións de podio, rematando nunha meritoria quinta praza.
Mentres tanto, na competición de Ximnasia Estética de Grupo chegaban os mellores resultados da fin de semana. No Programa Curto, os conxuntos infantís de 10-12 anos e de 12-14 anos realizaron dous exercicios moi sólidos que lles permitiron subir ao segundo chanzo do podio.
Nos Programas Mixtos, tanto o conxunto júnior como o sénior ofreceron actuacións de gran nivel que convenceron plenamente ao xurado, acadando ambos os dous a medalla de ouro.
A maiores, o conxunto sénior conseguiu a súa clasificación para o Campionato de España, que se celebrará en Huesca a mediados do próximo mes de xullo.
Os éxitos completáronse no Nivel Autonómico, categoría que se estreaba oficialmente nesta competición. O equipo sénior do Pavillón respondeu cun magnífico exercicio que lle permitiu sumar un novo ouro ao palmarés do club.
Con dúas competicións desenvolvéndose ao mesmo tempo, numerosos exercicios sobre os tapices e un balance final cheo de medallas, aprendizaxes e ilusión, o noso pecha unha fin de semana moi especial que volve demostrar o compromiso e a calidade das súas ximnastas.
Parabéns a todas polo voso traballo, esforzo e dedicación.