O pasado sábado, as ximnastas do Club Ximnasia Pavillón afrontaron unha intensa xornada no Campionato Galego de Promoción de Ximnasia Rítmica – XX Memorial Antonio Prada, unha das citas máis importantes do calendario autonómico.
A competición arrancou coa categoría cadete, nunha mañá moi esixente na que o equipo non conseguiu mostrar todo o seu potencial, rematando na 12ª posición. No apartado individual, Alexandra acadou o 13º posto en categoría cadete, mentres que Alba finalizou na 10ª posición na categoría Máster.
A primeira gran alegría da xornada chegou da man do conxunto benxamín. Grazas a un exercicio cheo de ilusión, traballo e ganas, as máis pequenas do club conseguiron subir ao podio e colgarse unha merecida medalla de bronce.
Xa pola tarde foi a quenda do conxunto alevín. As ximnastas realizaron un exercicio de gran nivel e mantivéronse na loita polos postos de honra durante boa parte da actuación. Porén, dous erros nos últimos compases do pase afastáronas do podio, rematando nunha destacada sétima posición entre os 19 conxuntos participantes.
Tamén cómpre destacar o papel do conxunto prebenxamín, que debutaba nesta categoría. As pequenas demostraron personalidade e seguridade sobre o tapiz, asinando unha gran actuación que lles permitiu alcanzar unha meritoria quinta posición.
Unha xornada de aprendizaxe, esforzo e emocións que volveu poñer de manifesto o traballo diario das nosas ximnastas e do corpo técnico.