O Club Pavillón protagonizou unha destacada participación no Campionato Galego de Ximnasia de Trampolín.
A participación foi numerosa cun total de 34 ximnastas,divididas/os entre os niveis Base e Elite que competiron tanto en modalidade individual como por equipos, acadando uns resultados ben salientables.
No nivel Base, o club presentou a 10 ximnastas, que demostraron un gran nivel técnico e espírito competitivo. Especialmente salientables foron os logros na competición por equipos: o equipo pavillonista proclamouse campión galego en Trampolín, mentres que na modalidade de Dobre Minitramp (DMT) conseguiu unha valiosa segunda posición entre sete clubs participantes de toda Galicia.
No nivel Elite, a participación foi aínda máis numerosa, con 24 ximnastas que competiron en diferentes categorías de idade. O equipo Sub-15 feminino acadou a medalla de ouro en DMT, reflectindo o bo traballo do corpo técnico e a progresión das máis novas. Ademais, o equipo absoluto sumou unha medalla de prata na mesma disciplina.
A nivel individual, as e os deportistas pavillonistas tiveron unha presenza constante nos podios, con actuacións brillantes nas distintas categorías. En total, o club colleitou 58 medallas – 31 ouros – 19 pratas – 8 bronces.
Estes resultados reafirman ao Club Pavillón como unha das entidades de referencia da ximnasia de trampolín en Galicia.
Dende o club felicitamos a todos e todas as deportistas polos seus éxitos e animámolas a continuar traballando con ilusión de cara ás próximas competicións.