CAMPIONATO NACIONAL DE XIMNASIA ESTÉTICA DE GRUPO (Huesca – 11 E 12 DE Xullo)

O Club Ximnasia Escola Pavillón volve a logralo. O noso equipo sénior mixto proclamouse, por terceiro ano consecutivo, Campión de España no Campionato Nacional de Ximnasia Estética de Grupo, celebrado esta fin de semana en Huesca.

Mónica, Laura, Lara, Nicole, Daniela, Noa, Aroa, Alejandro e Jose volveron demostrar o enorme traballo que hai detrás de cada adestramento. Despois de conquistar o ouro en 2024 e 2025, o equipo conseguiu revalidar o título tamén neste 2026, confirmándose como unha referencia nacional nesta modalidade.

A competición comezou da mellor maneira posible, cun brillante exercicio na xornada do sábado que os situou no primeiro posto da clasificación provisional. Xa na final do domingo, o equipo realizou un segundo pase de gran nivel, cheo de forza, elegancia e precisión, convencendo unha vez máis ao xurado.

A excelente puntuación acadada permitiulles ser os mellores en todos os apartados da valoración: valor técnico, valor artístico e execución, un reflexo do compromiso, da calidade e do esforzo que este grupo leva demostrando durante toda a tempada.

Este novo éxito é o premio ao traballo diario das e dos ximnastas, do equipo técnico e de todas as persoas que forman parte da familia do Club Ximnasia Escola Pavillón e que fan posible seguir medrando ano tras ano.

Con este magnífico resultado, o club pecha a tempada de Ximnasia Estética de Grupo e inicia un merecido período de descanso. A actividade volverá a mediados do mes de agosto, cando comezará a preparación da segunda parte da tempada de ximnasia rítmica.

Parabéns a todo o equipo por este novo título nacional! Estamos moi orgullosos de vós e desexámosvos unhas felices e merecidas vacacións. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad